martes, 30 de noviembre de 2010

Antiga lenda sobre as ras

Un antigo relato conta como as ras, cangrexos e troitas dun río vivían felices ata que chegou un pescador e comezou a atrapalas. Entón decidiron reunirse para buscar unha solución. As troitas afirmaron que a elas non as poderían pescar con facilidade, xa que eran moi áxiles e rápidas; os cangrexos tampouco se preocuparon moito, porque afacían esconderse entre as pedras. Só as ras estaban en verdadeiro perigo e pedíronlle axuda a unha bruxa que lles ofreceu un viscoso ungüento co que untaron todo o seu corpo. Cando o pescador lanzou a rede, capturou o cangrexo e a troita, pero a ra escorréuselle das mans.

jueves, 8 de abril de 2010

A Fonte dos Carballos. Unha lenda sobre serpes

Na aldea de San Cibrao, concello de Oímbra, uha asociación cultural ten colocado unha serie de carteis que fan referencia a lendas e lugares de interese da zona. Un deles trata sobre a Fonte dos Carballos onde se conta unha lenda sobre as serpes.

Asociación Cultural Santa Cruz
A FONTE DOS CARBALLOS
Houbo un tempo en que a xente de San Cibrao, ía colle-la auga á fonte dos Carballos, era unha auga certamente rica e fresca amén de posuír propiedades curativas. Ó mesmo tempo púñanse á sombra do carballo, que como todos sabemos é boa para a saúde.
Era como unha especie de ritual que os veciños facían de cotío, mais un día declarouse unha treboada tan grande e vigorosa que semellaba ser a fin do mundo, un raio caeu no carballo que estaba ó pé da fonte, fíxolle tal fenda que o oco que quedou servíu de niño para unha serpe que alí botou os seus ovos, ovos dos que saíron serpes e serpes que escurrizaron á xente da fonte dos carballos para sempre.
Destas serpes, non só son perigosas as súas picaduras senón tamén o seu aire e mesmo a súa sombra.
E disque as tales cobras son mouras encantadas que gardan un tesouro na ráiz do carballo que ninguén pode imaxinar, para desencantalas hai que, primeiro, cantarlle a seguinte cantiga:
"Unha señorita deitada no prado
vestida de pano labrado,
nin era pano, nin era seda,
e oque a ve pasmado queda"
E a seguir, darlles tres bicos na boca ou facerlles sangue: agora ben, que quen lles dé un bico non sexa un mozo e a cobra non se namore del, porque pode contar con que a serpe o matará.

viernes, 22 de enero de 2010

Crenza sobre o amplexo dos Sapos

Contoume un veciño da Arzoá, no concello de Vilardevós, que antigamente víanse no río decenas de Sapos a subiren uns enriba dos outros e que os máis pequenos agarraban aos grandes polas costas e afogábanos.

Parella de Sapos cunqueiros en amplexo