miércoles, 11 de noviembre de 2009
Historias de cóbregas
- Referiume un amigo da banda de Piquín que una vez presenciara una loita entre una víbora e una donicela. A donicela brincaba arredor da cobra tentando morderlle na cabeza e a cobra embestía tratando de morderlle á donicela. De cando en cando, a donicela, deixaba a loita e corría hasta un cardo que había cerca e fregabase contra él, retornando de novo a atacar á víbora. O meu amigo, intrigado polo papel do cardo naquela loita, arrincouno e tirouno fora do alcalce da denosiña. Cando ésta volviu de novo a intentar fregarse contra o cardo, empezou a dar voltas desesperada, en busca dél, hasta que ós poucos momentos, ó non achalo, caiu morta. Preguntabase o meu amigo se o cardo lle proporcionaría alguna clase de antídoto á denosiña, contra as mordeduras da víbora.
- A miña muller é da banda de Curtis e contoume que de pequeña, apañando o centeo, ca man esquerda separabanse un pouco as canas de cereal para poder meter a fouciña e cortar, e nunha desas sentiu un peso desusado no alto e ó levantar a vista viu espantada una cóbrega de cerca dun metro enrroelada nas espigas que a duras penas soportaban o seu peso. ¿Estaría asoleándose ou asexando alguna presa?.
- Nos días de vran de muito calor séntense cantar as cóbregas, que producen un son agudo e metálico perfectamente audible que soa algo como “chás-chás-chás” . Nesas ocasións din os veciños: “cantan as cobras; ven chuvia”.
- En Carnota, avisabanlle ós cativos, que había que ter conta que non caera leite na corte ó muxir, nin deixar que ás vacas lle deitaran os tetos, porque eso atraía as cobras que seique teñen un mamar tan gostoso que as vacas antes queren que lle mame una cobra que a sua cria. Outra variante é o conto dunha muller que quedou a dormir dándolle o peito á criatura. Cando acordou, tiña una cobra mamando do seu peito e para que o neno non chorara, metéralle a punta do rabo na boca coma se fora un chupete.
Historias facilitadas por Pepe da Cañada, autor do blogue http://republicadecarnota.blogspot.com/
lunes, 2 de noviembre de 2009
Mais de Lagartos e cobras
"Estando meu irmán durmindo no monte sentiu como algo lle facía cóxegas debaixo da nariz, esto despertouno, e puido ver que o que lle facía cóxegas era un lagarto e que cerca andaba unha víbora: o lagarto fora avisalo de que se estaba achegando a víbora, gracias ao lagarto pudo escapar ".
jueves, 22 de octubre de 2009
Un nome vernáculo dun réptil lingüísticamente interesante
Quixera saber cal é o réptil que pola zona de Vilardevós e Riós denominan ESCOUPARIÑO.
Resposteille o seguinte:
Se miras no blogue verin-natural hai una entrada sobre nomes vernáculos de fauna da comarca de Verín-Monterrei: http://verin-natural.blogspot.com/2008/06/nomes-vernculos-da-comarca-de-vern.html , aquí puxemos varios nomes que fumos recollendo de distintas especies de aves, réptiles, etc. que se lles da na comarca, entre elas están: Escauparón, Chalcides striatus, recollido na Gudiña; Escouparón, Chalcides striatus, Chalcides bedriagai, recollido en San Cibrao (Oímbra); Escóupolo, Chalcides striatus, Chalcides bedriagai, recollido en Castrelo de Abaixo (O Riós); como verás, o que ti dis, Escoupariño, case con toda seguridade entraría dentro destas dúas especies, son os que en castelán se lles chama Eslizón, o común e o ibérico, en guías de galego tamén se lles chama Esgonzo.
O que achei máis interesante desta conversa refírese ao que comentou logo:
O nome de ESCOUPARIÑO escoiteillo a un alumno procedente de Lamardeite (Vilardevós). Eu son profesor de galego no IES Castro de Baronceli, que recibe aos rapaces de toda a comarca de Monterrei (desde Laza a Medeiros e de Cualedro ás Vendas da Barreira). Gústanme a natureza e as palabras. Ese día buscabamos o termo que tivese as cinco vogais, como murciélago en castelán, e saíu o ESCOUPARIÑO... Apréndese moito cos rapaces!!!
Cando menos un nome vernáculo dun réptil lingüísticamente interesante, non si?
Deámoslle as grazas a Serafín Álvarez e aos seus alumnos.
viernes, 16 de octubre de 2009
Definición de serpiente no Grove
Serpiente. sf., serpiente; esta palabra es de mal presagio; si se emplea conviene finalizar con la palabra lajarto, con el fin de evitar que suceda alguna desgracia.
Referencia: Enríquez, M. C. 1974. Léxico de O Grove. Verba 3: 1-168. Universidade de Santiago de Compostela.
Cosme Damián
Pedra do Raio
Moitas veces, como xa me ten contado Xosé Ramón, estas pedras son realmente achádegos celtas, como poden ser puñais de anteras ou pedras ou obxectos de forma singular debido a que son obra dos nosos antergos.
Ahí vai unha imaxe sobre esta pedra milagreira que, como lle comentaban ó noso amigo e naturalista verinés, soamente hai que pasar a pedra por onde trabou a víbora para sanar o paciente. Esta pedra provén da zona de Madanela (concello de Monterrei):
Agradecerlle a Xosé Ramón a aportación desta interesante historia.
Martiño
Malos senabreses
As malas linguas falan do ruíns que son algúns senabreses (comarca da Senabria, Zamora). En Sayago (Zamora) dise que: "Si ves una culebra y un senabrés, mata'l senabrés y deja la culebra".
Cosme D. Romay
Culebras e bastardos
Na comarca de Sayago (oeste de Zamora), as cobras teñen moi mala reputación. Así, son perseguidas con saña cando entran nas casas, sobre todo o "bastardo" (Malpolon monspessulanus). Recolleuse alí un testemuño revelador: "Los lagartos si los veo no me importa dejarlos vivir, pero como vea un bastardo... ese no sale con vida...". Por último, culebrón sería "Herpes zóster, enfermedad vírica" (Panero & Sánchez, 2005).
Panero, J. A. & Sánchez, C. 2005. Sayago, Costumbres, Creencias y Tradiciones. 2ª edición. ADERISA, Zamora. 208 pp.
Cosme D. Romay
Sapas paridas
No concello do Grove, aínda se escoita un dito de orixe un tanto escura: cando un lugar está moi suxo, con signos de humidade e prodredume (por exemplo un vello alpendre), dise que "hai as sapas paridas". Quizais teña que ver coa presenza de anfibios que acoden a refuxiarse nestes lugares húmidos (Urodela?) (datos propios).
Cosme D. Romay
Clisando paxariños
Na comarca de Sayago (oeste de Zamora), clisar sería "Hipnotismo o eclipsamiento que producen las culebras bastardas a los pajarillos con el fin de cazarlos" (Panero & Sánchez, 2005). Un dito semellante foi recollido tamén nun lugar indeterminado de Galicia (datos propios).
Panero, J. A. & Sánchez, C. 2005. Sayago, Costumbres, Creencias y Tradiciones. 2ª edición. ADERISA, Zamora. 208 pp.
Cosme D. Romay
Mitoloxía da serpente
A cobra que non é máis que un animal, e non un ser preternatural, é tamén obxecto de moitos ditos e crenzas, unhas verdadeiras, outras trabucadas. Pode nacer ben da terra, onde a nai deixa os ovos sen volverse ocupar deles; ben dun ovo dun galo de sete anos; ben dos cabelos de muller postos en maceración en auga; ben da maxia. Aliméntanse no inverno, de terra; no verán de animais; e sempre que pode, de leite. Para esto, métese na corte e mama nas vacas; métese nas casas e mama nas mulleres que están criando. Como a cobra ten o mamar moi doce, a muller non se decata, nota somentes que o neno devece, porque o que había mamar, mámallo a cobra, a cal, namentras ela mama, entreteno meténdolle a punta do rabo na boca e o rapaz deste xeito, mama en seco. Igual acontece coas vacas e os becerros (páx. 51)
Tamén adoita a serpe meterse pola boca dos animais e mais dos homes, entrarlles dentro do corpo e devorarlles as entrañas. Por eso é malo deitarse a durmir no campo. O perigo é maior para os homes que non para as mulleres, porque as cobras -en lembranza probable da historia de Adán e Eva- son inimigas dos homes e amigas das mulleres. O contrario pasa cos lagartos, e din que se dá moitas veces o caso de que a un home que está durmindo no campo, veña espertalo un lagarto, cando unha cobra se chega a el (páx. 51).
Extraído de: Vicente Risco. Obras completas. Tomo 3. Editorial Galaxia, S. A. Vigo - 1994.
Xosé Ramón.
Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Galego-Portuguesa
Fágovos un pequeno resumo das lendas herpetolóxicas do libro "Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Gelego-Portuguesa", de José Rodríguez Cruz e António Lourenço Fontes (2004). Fala de moitas destas cousas que acontecen nesta nosa zona A Gudiña, O Riós, Vilardevós, Verín, Oímbra, Monterrei, Vinhais, Montalegre, Chaves...
Moi resumido dí cousas coma isto:
"Si te morde unha culebra, busca camisa prá terra"
"Si te morde a víbora ou o viborón, busca aixada e aixadón"
Din que as culebras morren cada inverno. Métense en pequenos buratos para agocharse do frío e despois engordan tanto que non poden saír do burato (este relato escoiteino tamén eu).
Din que as culebras vellas crían no corpo unhas cunchas que lle serven para "voar" cara ao mar, onde morren.
En Parada da Serra (A Gudiña) din que as culebras cando xa van vellas crían tres cunchas, que cando queren voar para lonxe meten o rabo na boca e despois van coller altura para realizar o voo ao altao da Valada o Regueiro de Pumedo.
-Vai prá Serra de Larouco.
-Vou, rabiará quen me viu
e non me matou.
A mítica Serra do Larouco, destino final destas supostas serpes voadoras... o Deus Larouco.
Existe a crenza dun lagarto de dous rabos con facultades adiviñatorias.
Dito sobre o lagarto:
Lagarto arnau
comíchelle as papas
ao teu irmau.
En Oímbra: "Se te morde a píntega, hai que clavala nun pau, e espetala nunha árbore e cando a píntega morra e seque, o veleno non fará nada"
etc, etc, etc
Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Gelego-Portuguesa. José Rodríguez Cruz e António Lourenço Fontes. Ir Indo Edicións (2004).
Xosé Ramón
Menciña herpetolóxica
Acabo de lembrarme de que tiña uns apuntamentos nun caderno de campo sobre as supostas propiedades medicinais de determinadas especies e algunha cousiña máis. Isto case que se vai parecer máis á medicina tradicional chinesa que á propia desta parte da Europa. Digamos que aquí (refírome tamén á parte Portuguesa coma mesma rexión xeográfica e cultural) perviven cousas, se callar, que se remontan aos primeiros europeos.
Carne de Sapo: danlle facultades que hoxe poderiamos chamar anticanceríxenas. Antigamente trataban con esta carne unha doenza que non sabían de que se trataba, era a morte morrida, o mal do aire, ou designacións similares.
Unto de Culebra (literal): para curar artrosis e o reuma.
Rabo de Lagarto: para comer.
Non só curación con animais senón tamén curación con pedras, por exemplo a Pedra do Raio que entre outras cousas atribúenlle a facultade de curar as mordeduras das víboras. Estas pedras adoitan ser machados prehistóricos ou castrexos, ou tamén cristais de cuarzo. Dicían que eran as pedras que se formaban onde caían os raios.
Podo contar un caso que me aconteceu a min: un día entrei na casa do tío dun amigo, na aldea da Madalena, perto de Vilar-de-Perdizes, cando mirei para enriba da mesiña do telefone tiñan un machado de pedra, unha auténtica Pedra do Raio. Dixéronme que a atoparan na "Cidá" (asentamente castrexo perto da aldea) e que a utilizaban para pasala pola pel cando che trababa unha víbora. A pedra está na casa deste veciño, cando se queira só é ir a vela, que, por certo, quedei con este amigo meu para ir por alá un día de estes e falar co seu tío de unhas cousas relacionadas con temas destes, digamos, etnográficos, mitolóxicos. É o alto Buble, polas Beiras do Larouco.
Xosé Ramón
Lendas do Riós, Ourense
Falando cunha persoa dun pobo do concello do Riós, preguntándolle sobre os animais que coñecía de antigamente, contoume varias cousas interesantes:
Por un lado faloume dunha culebra (literal) que se coñecía como o Bichorro, dicía que era parecido a unha víbora, aínda que máis grosa, de cor negra, andaba por baixo da terra e cando saía á luz quedaba cego. Melanismo? De que especie se podería tratar? Confundirían unha víbora melánica cos costumes do Blanus? O de dicir que era cego a que se podería deber? Será simplemente un animal mítico con retallos de animais reais?
Dixo que "as culebras cantan coma as pitas", falaba das culebras grandes, Malpolon monspessulanus?. Imos ver se alguén de vós pode dicir algo con respecto a este son. Podería referirse, secallar, ao son emitido polo Peto formigueiro, Jynx torquilla, confundíndoo cunha serpe ? Suxerencias ?
Contou que "as culebras para abaixo non hai cabalo que as colla"
Tamén me falou das míticas serpes voadoras: "unha vez ía o meu pai de caza cun amigo -tiña moi boa puntería-, ouviron cantar así coma o cacarexar dunha pita dende o alto dunha carballeira (carballos cerquiños de porte pequeno), e cando miraron, aló estaba, unha culebra enorme, disparoulle un tiro da escopeta e matouna. Dicían que deveu chegar alí enriba voando" Que sería, Malpolon mospessulanus, Rhinechis scalaris?
Xose Ramón
A ponsoña
A píntega (Salamandra salamandra) é coñecida no Grove como "ponsoña". Din que é moi mala, e que hai que matala porque pola súa pel excretan un líquido moi velenoso, sobre todo para os nenos.
Cosme Damián
A "bicha ciega"
En Miranda do Douro (nordeste de Portugal) coñécese popularmente á cobra cega (Blanus cinereus) como "bicha ciega". O Sr. Domingos Gonçalo, de Paradela (Miranda), transmitiume en língua mirandesa o seguinte: "quando l ganado, una baca, o ua oubeilha anfermaba, punha-si dentro l sou chucalho ua bicha ciega biba, i deixaba-si la tapada. La baca i tamién la oubeilha çanaban coel tiempo".
Cosme Damián
Como matar un lobo
Cóntovos unha lenda que me comentou o señor Antonio, veciño de Degrada (Ancares lucenses) e que a el lle recomendou un maderista de Becerreá (Lugo). Este comentario foi recollido o 17 de xullo do 2008 nun bar de Campa da Braña, Degrada, Lugo.
Para poder envenenar a un lobo, debemos coller a unha víbora no monte e sen maltratala. Ademais desto, necesitamos dunha casavella (Píntega, Salamandra, Salamandra salamandra). Ambos animais póñense un diante do outro á espera de que a víbora morda varias veces á casavella. Posteriormente, debemos coller a casavella e metémola dentro dun envase metálico (unha lata ou pota vella). Logo poñemos a lata (e dentro dela a casavella envenenada pola víbora) ó lume ata que quede ben chamuscada. Por último, sacamos a casavella e moémola ata facer un po fino. Este po ponse sobre carne ou algo que lle guste ó lobo, da mesma maneira que se fai coa estrignina.
Unha aperta,
Martiño
Benvida
Benvidos a todos:
Espero que esta iniciativa vos pareza interesante. Moitas das lendas ou historias que podemos escoitar durante as nosas saídas ó campo quedan arquivadas friamente nas nosas libretas de campo. Para esto, poño a vosa disposición este blog, para que expoñades os vosos encontros coa etnografía herpetolóxica. Pero debemos entrar nunha serie de cuestións:
-Aínda que as lendas sexan eminentemente herpetolóxicas, as máis abundantes no rural, non quere decir que non teñan cabida as lendas sobre outros animais ou seres.
-Aínda que a lingua inicial deste blog é o galego e a maioría de nós sexamos galegos, este blog non ten unha adscrición xeográfica limitada. Teñen cabidas lendas doutros lugares como Portugal e España.
_No tocante ó idioma, as linguas que teñen cabida son o galego, o castelán e o portugués.
-Recordade que existen as etiquetas ou tags (ó escribir un novo post está xusto debaixo do lugar onde se escribe). Estas etiquetas son moi interesante para poñer as especies ou seres ós que fai referencia á lenda.
-Co tempo e se as aportacións son numerosas, realizaremos unha ordenación delas utilizando as diferente categorías.
-Por último, e para aquelas persoas que o desexen, poderemos intentar de facer unha pequena publicación sobre lendas herpetolóxicas onde todos nós seremos autores.
Unha aperta,
Martiño
Martiño Cabana Otero
lendasherpetoloxicas.wordpress.com
mcohyla@yahoo.es