viernes, 16 de octubre de 2009

Pedra do Raio

Xosé Ramón Reigada envíanos unhas fotografías sobre unha verdadeira Pedra do Raio. Este tipo de pedras proveñen do monte. Ás veces son creadas polo raio que cae no alto dun monte e normalmente un monte máxico ou sagrado na zona e moitas veces con presencia dun castro, cruceiro ou ermida.

Moitas veces, como xa me ten contado Xosé Ramón, estas pedras son realmente achádegos celtas, como poden ser puñais de anteras ou pedras ou obxectos de forma singular debido a que son obra dos nosos antergos.

Ahí vai unha imaxe sobre esta pedra milagreira que, como lle comentaban ó noso amigo e naturalista verinés, soamente hai que pasar a pedra por onde trabou a víbora para sanar o paciente. Esta pedra provén da zona de Madanela (concello de Monterrei):




Agradecerlle a Xosé Ramón a aportación desta interesante historia.

Martiño

Malos senabreses

As malas linguas falan do ruíns que son algúns senabreses (comarca da Senabria, Zamora). En Sayago (Zamora) dise que: "Si ves una culebra y un senabrés, mata'l senabrés y deja la culebra".

Cosme D. Romay

Culebras e bastardos

Na comarca de Sayago (oeste de Zamora), as cobras teñen moi mala reputación. Así, son perseguidas con saña cando entran nas casas, sobre todo o "bastardo" (Malpolon monspessulanus). Recolleuse alí un testemuño revelador: "Los lagartos si los veo no me importa dejarlos vivir, pero como vea un bastardo... ese no sale con vida...". Por último, culebrón sería "Herpes zóster, enfermedad vírica" (Panero & Sánchez, 2005).

Panero, J. A. & Sánchez, C. 2005. Sayago, Costumbres, Creencias y Tradiciones. 2ª edición. ADERISA, Zamora. 208 pp.

Cosme D. Romay

Sapas paridas

No concello do Grove, aínda se escoita un dito de orixe un tanto escura: cando un lugar está moi suxo, con signos de humidade e prodredume (por exemplo un vello alpendre), dise que "hai as sapas paridas". Quizais teña que ver coa presenza de anfibios que acoden a refuxiarse nestes lugares húmidos (Urodela?) (datos propios).

Cosme D. Romay

Clisando paxariños

Na comarca de Sayago (oeste de Zamora), clisar sería "Hipnotismo o eclipsamiento que producen las culebras bastardas a los pajarillos con el fin de cazarlos" (Panero & Sánchez, 2005). Un dito semellante foi recollido tamén nun lugar indeterminado de Galicia (datos propios).

Panero, J. A. & Sánchez, C. 2005. Sayago, Costumbres, Creencias y Tradiciones. 2ª edición. ADERISA, Zamora. 208 pp.

Cosme D. Romay

Mitoloxía da serpente

A cobra que non é máis que un animal, e non un ser preternatural, é tamén obxecto de moitos ditos e crenzas, unhas verdadeiras, outras trabucadas. Pode nacer ben da terra, onde a nai deixa os ovos sen volverse ocupar deles; ben dun ovo dun galo de sete anos; ben dos cabelos de muller postos en maceración en auga; ben da maxia. Aliméntanse no inverno, de terra; no verán de animais; e sempre que pode, de leite. Para esto, métese na corte e mama nas vacas; métese nas casas e mama nas mulleres que están criando. Como a cobra ten o mamar moi doce, a muller non se decata, nota somentes que o neno devece, porque o que había mamar, mámallo a cobra, a cal, namentras ela mama, entreteno meténdolle a punta do rabo na boca e o rapaz deste xeito, mama en seco. Igual acontece coas vacas e os becerros (páx. 51)

Tamén adoita a serpe meterse pola boca dos animais e mais dos homes, entrarlles dentro do corpo e devorarlles as entrañas. Por eso é malo deitarse a durmir no campo. O perigo é maior para os homes que non para as mulleres, porque as cobras -en lembranza probable da historia de Adán e Eva- son inimigas dos homes e amigas das mulleres. O contrario pasa cos lagartos, e din que se dá moitas veces o caso de que a un home que está durmindo no campo, veña espertalo un lagarto, cando unha cobra se chega a el (páx. 51).

Extraído de: Vicente Risco. Obras completas. Tomo 3. Editorial Galaxia, S. A. Vigo - 1994.

Xosé Ramón.

Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Galego-Portuguesa

Fágovos un pequeno resumo das lendas herpetolóxicas do libro "Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Gelego-Portuguesa", de José Rodríguez Cruz e António Lourenço Fontes (2004). Fala de moitas destas cousas que acontecen nesta nosa zona A Gudiña, O Riós, Vilardevós, Verín, Oímbra, Monterrei, Vinhais, Montalegre, Chaves...

Moi resumido dí cousas coma isto:

"Si te morde unha culebra, busca camisa prá terra"
"Si te morde a víbora ou o viborón, busca aixada e aixadón"

Din que as culebras morren cada inverno. Métense en pequenos buratos para agocharse do frío e despois engordan tanto que non poden saír do burato (este relato escoiteino tamén eu).

Din que as culebras vellas crían no corpo unhas cunchas que lle serven para "voar" cara ao mar, onde morren.
En Parada da Serra (A Gudiña) din que as culebras cando xa van vellas crían tres cunchas, que cando queren voar para lonxe meten o rabo na boca e despois van coller altura para realizar o voo ao altao da Valada o Regueiro de Pumedo.

-Vai prá Serra de Larouco.
-Vou, rabiará quen me viu
e non me matou.

A mítica Serra do Larouco, destino final destas supostas serpes voadoras... o Deus Larouco.

Existe a crenza dun lagarto de dous rabos con facultades adiviñatorias.

Dito sobre o lagarto:
Lagarto arnau
comíchelle as papas
ao teu irmau.

En Oímbra: "Se te morde a píntega, hai que clavala nun pau, e espetala nunha árbore e cando a píntega morra e seque, o veleno non fará nada"

etc, etc, etc

Mitos, crenzas e costumes da Raia Seca. A máxica fronteira Gelego-Portuguesa. José Rodríguez Cruz e António Lourenço Fontes. Ir Indo Edicións (2004).

Xosé Ramón