jueves, 22 de octubre de 2009

Un nome vernáculo dun réptil lingüísticamente interesante

Vou transcribir unha conversa que mantiven por correo electrónico con Serafín Álvarez e que me pareceu de interese para subir a Lendas Herpetolóxicas, aínda que non trate precisamente de lendas. Preguntaba o seguinte a través do blogue de Verín Natural:

Quixera saber cal é o réptil que pola zona de Vilardevós e Riós denominan ESCOUPARIÑO.

Resposteille o seguinte:

Se miras no blogue verin-natural hai una entrada sobre nomes vernáculos de fauna da comarca de Verín-Monterrei: http://verin-natural.blogspot.com/2008/06/nomes-vernculos-da-comarca-de-vern.html , aquí puxemos varios nomes que fumos recollendo de distintas especies de aves, réptiles, etc. que se lles da na comarca, entre elas están: Escauparón, Chalcides striatus, recollido na Gudiña; Escouparón, Chalcides striatus, Chalcides bedriagai, recollido en San Cibrao (Oímbra); Escóupolo, Chalcides striatus, Chalcides bedriagai, recollido en Castrelo de Abaixo (O Riós); como verás, o que ti dis, Escoupariño, case con toda seguridade entraría dentro destas dúas especies, son os que en castelán se lles chama Eslizón, o común e o ibérico, en guías de galego tamén se lles chama Esgonzo.

O que achei máis interesante desta conversa refírese ao que comentou logo:

O nome de ESCOUPARIÑO escoiteillo a un alumno procedente de Lamardeite (Vilardevós). Eu son profesor de galego no IES Castro de Baronceli, que recibe aos rapaces de toda a comarca de Monterrei (desde Laza a Medeiros e de Cualedro ás Vendas da Barreira). Gústanme a natureza e as palabras. Ese día buscabamos o termo que tivese as cinco vogais, como murciélago en castelán, e saíu o ESCOUPARIÑO... Apréndese moito cos rapaces!!!

Cando menos un nome vernáculo dun réptil lingüísticamente interesante, non si?

Deámoslle as grazas a Serafín Álvarez e aos seus alumnos.

3 comentarios:

  1. Fermoso comentario. que alegría dá que haxa rapaces que dominen a lingua galega e que coñezan nomes vernáculos da fauna do seu lugar.

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas por dar cabida no blog a este pequeno comentario sobre o escoupariño. Ademais de interesante, é un nome fermoso.
    Con respecto ao coñecemento dos rapaces dos nomee vernáculos, atópamonos as dúas tendencias. A máis frecuente é que eles, coma todos en xeral, descoñezamos moito do léxico patrimonial e mesmo en máis ocasións das desexables ignoramos as formas correntes.
    Pero tamén nos atopamos con alumnos e alumnas aos nas súas casas lles transmitiron esta riqueza léxica. Aínda que sexan formas afastadas do galego normativo, cómpre reivindicalas e saber que están vivas.
    Por exemplo, o insecto coñecido nos dicionarios como FORCADELA e que tamén recibe o nome de CADELA DE FRADE (castelán: tijereta), aquí os alumnos chamaríanlle FALDRACADELA.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Interesantísimo, Serafín, se profundizamos un pouco atoparemos unha morea de nomes de animais e plantas que non están recollidos, ou cando menos non se lles presta a atención debida. O galego é unha lingua riquísima. De fauna hai montes de nomes, se callar un distinto para cada rexión, comarca, lugar... Coas plantas acontece o mesmo, e non só, seus usos tradicionais están igualmente moi esquecidos, a medicina tradicional, as crenzas máxicas... Olla o post do blogue verin-natural:
    http://verin-natural.blogspot.com/2008/11/nomes-vernculos-de-flora-da-comarca-de.html
    Estas cousas recolléronse case que dunha soa persoa, o que non haberá por aí.
    Saúdos

    ResponderEliminar